O Comercio Xusto…qué é?

O comercio xusto é un sistema comercial solidario que persigue o desenvolvemento dos pobos e loita contra a pobreza e presenta unha alternativa ao comercio convencional. As súas bases son:

- As condicións laborais e os salarios apropiados: para que os produtores do sur poidan vivir con dignidade.

- Que non haxa explotación infantil: Asegúrase de que os produtos non foran elaborados por nenos e nenas.

- A igualdade entre homes e mulleres: Que ambos reciban un trato e unha retribución económica equitativa.

- O respecto ao medio: Que os produtos se fabriquen por medio de prácticas respectuosas co entorno no que se producen.

Por iso, o comercio xusto é considerado coma unha ferramenta de cooperación.

Ademais, o comercio xusto constitúe un movemento internacional formado por organizacións do sur e do norte. O seu obxectivo é mellorar o acceso ao mercado dos produtores máis desfavorecidos e mudar as inxustas regras do comercio internacional que consolidan a pobreza e a desigualdade mundial.

A definición de comercio xusto aceptada internacionalmente é:

 “O comercio xusto é un sistema comercial baseado no diálogo, a transparencia e o respecto, que procura unha maior equidade no comercio internacional prestando especial atención a criterios sociais e ambientais. Contribúe ao desenvolvemento sustentable ofrecendo mellores condicións comerciais e asegurando os dereitos dos produtores/as e traballadores/as desfavorecidos, especialmente no sur”. (Organización Mundial do Comercio Xusto, WFTO)