Os 10 principios internacionais

A Organización Mundial do Comercio Xusto establece 10 criterios que deben seguir todas as organizacións que traballan no comercio xusto:

 1. Creación de oportunidades para os produtores con desvantaxes económicas

Reducir a pobreza mediante o comercio constitúe a parte fundamental dos obxectivos da organización, que apoia aos pequenos produtores marxinados, sexan empresas familiares independentes ou estean agrupados en asociacións ou cooperativas. O seu obxectivo é que se poida pasar da pobreza e a inseguridade económica a unha autosuficiencia económica propia. Para acadalo, a organización conta cun plan de acción.

 2. Transparencia e responsabilidade

A organización é transparente na súa xestión e relacións comerciais. É responsable de todos os seus grupos de interese e trata a información comercial que lle é proporcionada de forma confidencial. A organización atopa os medios apropiados que inciten á participación para involucrar aos empregados, membros e produtores nos seus procesos de toma de decisións. Asegura que a información pertinente sexa proporcionada a todos os seus socios comerciais. As canles de comunicación son boas e abertas a todos os niveis da cadea de subministro.

 3. Prácticas comerciais xustas

A organización preocúpase polo benestar social, económico e ambiental dos pequenos produtores marxinados á hora de facer comercio e non por maximizar as súas ganancias a expensas deles. É responsable e profesional á hora de cumprir os seus compromisos puntualmente. Os provedores respectan os contratos e entregan os produtos a tempo e coa calidade e especificacións desexadas.

Os compradores de comercio xusto recoñecen as desvantaxes financeiras ás que se enfrontan os produtores e provedores, polo que para asegurar que os pedidos sexan pagados ao recibir os documentos e segundo as guías achegadas, pode que se solicite un pago previo de polo menos o 50%. Cando os provedores de comercio xusto do sur reciben un pago previo dos compradores, asegúranse de que este pago sexa transferido aos produtores ou agricultores que fan ou desenvolven os seus produtos de comercio xusto.

Os compradores consultan cos provedores antes de cancelar o rexeitar pedidos.

Cando os pedidos son cancelados por causas alleas ás dos produtores ou provedores, garántese unha compensación correcta polo traballo feito. Os provedores e produtores consultan cos compradores se hai algún problema coa entrega e garanten que unha compensación sexa proporcionada cando as características e cantidades entregadas non coincidan co facturado.

A organización mantén relacións á longo prazo baseadas na solidariedade, confianza e respecto mutuas que contribúen á promoción e crecemento do comercio xusto. Mantén unha comunicación efectiva cos seus socios comerciais. As partes involucradas na relación comercial procuran aumentar o volume comercial entre elas e o valor e diversidade da súa oferta de produtos como medio de crecemento do comercio xusto para os produtores coa fin de aumentar os seus ingresos. A organización traballa na cooperación coas outras organizacións de comercio xusto do país e evita a competencia desleal. Ademais, procúrase evitar que se dupliquen os deseños de padróns de outras organizacións sen permiso.

O comercio xusto recoñece, promove e protexe a identidade cultural e as habilidades tradicionais dos pequenos produtores como se pode apreciar nos seus deseños artesanais, alimentos e outros servizos relacionados.

 4. Pago dun prezo xusto

Un prezo xusto é aquel que foi establecido de mutuo acordo mediante o diálogo e a participación, que proporciona un pago xusto aos produtores e pode ser sustentado polo mercado. Cando existen as estruturas de prezo de comercio, utilízanse como mínimo. Pago xusto significa a provisión dunha remuneración socialmente aceptable (no contexto local) considerado polos propios produtores como xusta que teña en conta o principio de igualdade de pago polo mesmo traballo entre homes e mulleres. As organizacións de comercio e importación de comercio xusto apoian o desenvolvemento de capacidades segundo sexa necesario aos produtores para poder establecer un prezo xusto.

 5. Asegurar que non hai traballo infantil nin forzoso

A organización adhírese aos principios da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno, e á lei nacional/local sobre o traballo dos nenos. A organización asegura que na súa man de obra, membros ou traballadores domésticos non hai ningún tipo de traballo forzoso.

As organización compran produtos de comercio xusto dos grupos de produtores, ben directamente ou mediante intermediarios que aseguran que non se utiliza o traballo forzoso na produción e que os produtores seguen a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno e a lei nacional/local sobre o traballo dos nenos. Calquera participación de nenos na creación de produtos de comercio xusto (incluíndo a aprendizaxe un arte tradicional ou artesanal) é sempre comunicada e vixiada e non afecta negativamente ao benestar, seguridade, requisitos educativos e a necesidade de xogar dos cativos.

 6. Compromiso co principio de non discriminación, igualdade de xénero e liberdade de asociación (sindical)

 A organización non discrimina ao contratar, remunerar, dar acceso á capacitación, promover, terminar ou xubilar por motivos de raza, casta, nación de orixe, relixión, minusvalía, xénero, orientación sexual, unión de filiación (sindical), HIV/Sida, consideración social ou idade. A organización proporciona a homes e mulleres oportunidades para desenvolver as súas habilidades e fomenta activamente as solicitudes de mulleres para postos de traballo e cargos de liderado na organización. A organización ten en conta as necesidades especiais de saúde e seguridade das mulleres embarazadas e nais en período de lactancia. As mulleres participan plenamente nas decisións sobre o uso dos beneficios resultantes do proceso de produción.

A organización respecta o dereito de todos os empregados a formar asociacións e afiliarse aos sindicatos que escollan e a negociar colectivamente. Cando o dereito a afiliarse a sindicatos e a negociación colectiva estea restrinxido pola lei e/ou o ambiente político, a organización permitirá medios de asociación independente e libre e a negociación para os empregados. A organización asegura que os representantes dos empregados non son obxecto de discriminación no lugar de traballo. As organizacións que traballan directamente cos produtores aseguran que as mulleres sexan sempre retribuídas pola súa contribución ao proceso de produción e se lles pague a mesma tarifa que aos homes cando fagan o mesmo traballo. As organizacións tamén buscan garantir que, en situacións de produción onde o traballo das mulleres estea menos valorado ca o dos homes, o das mulleres aumente o seu valor para igualar as tarifas de remuneración e se lles permita levar a cabo traballos segundo as súas capacidades.

 7. Asegurar boas condicións de traballo

A organización proporciona un entorno de traballo seguro e saudable para os empregados e/ou membros. A organización respecta, como mínimo, as leis nacionais e locais e convenios da OIT acerca da saúde e seguridade.

As horas de traballo e as condicións para os empregados e/ou membros (e calquera traballador que vaia á casa) respecta as condicións establecidas polas lexislacións nacionais e locais e os convenios da OIT.

As organizacións de comercio xusto son conscientes das condicións de saúde e seguridade nos grupos de produtores dos que compran e buscan constantemente concienciar á xente sobre temas de saúde e seguridade así como mellorar as prácticas respectivas nos grupos de produtores.

 8. Facilitar o desenvolvemento de capacidades

A organización ten por obxecto aumentar mediante o comercio xusto os efectos positivos do desenvolvemento para os pequenos produtores marxinados.

A organización desenvolve as habilidades e capacidades dos seus empregados ou membros. As organizacións que traballan directamente cos pequenos produtores desenvolven actividades específicas para axudarlles a mellorar as súas habilidades de xestión, capacidades de produción e acceso aos mercados locais, rexionais ou internacionais de comercio xusto e os mercados principais, cando sexa conveniente.

As organizacións que mercan produtos de comercio xusto mediante intermediarios de Comercio Xusto no Sur axudan a estas organizacións a desenvolver a súa capacidade para apoiar aos grupos de produtores marxinados cos que traballan.

 9. Promoción do comercio xusto

A organización conciencia sobre o obxectivo do comercio xusto e da necesidade de que haxa unha maior xustiza no comercio mundial mediante o comercio xusto. Avoga polos obxectivos e actividades de comercio xusto segundo o ámbito de alcance da organización. A organización pon a disposición dos seus clientes información sobre si mesma, os produtos que comercializa e as organizacións de produtores ou socios que elaboran ou cultivan os produtos. Sempre se utilizan técnicas honestas de publicidade e comercialización.

 10. Respecto polo medio

As organizacións que producen produtos de comercio xusto maximizan o uso de materias primas de fontes xestionadas de xeito sustentable nas súas áreas de distribución, mercando a nivel local cando é posible. Utilizan as tecnoloxías de produción que teñen como obxectivo reducir o consumo de enerxía e utilizan no posible as tecnoloxías de enerxías renovables que reduzan ao mínimo as emisións de gases de efecto invernadoiro. Tamén tratan de minimizar o impacto dos seus residuos sobre o medio.

Os produtores de produtos agrícolas de comercio xusto minimizan os seus impactos ambientais, mediante o uso de praguicidas orgánicos ou de baixo uso de pesticidas nos métodos de produción cando é posible.

As persoas que mercan ou importan produtos de comercio xusto prefiren produtos elaborados con materias primas orixinadas a partir de fontes xestionadas de xeito sustentable que teñen menor impacto global sobre o medio.

Todas as organizacións utilizan na medida do posible materiais reciclados ou facilmente biodegradables e, sempre que é posible, os produtos son enviados por mar.